CARRAL BUSCA LEVAR A IGUALDADE ÁS RÚAS E ANIMA AOS VECIÑOS E VECIÑAS A ELIXIR O NOME DUNHA MULLER PARA BAUTIZAR UN LUGAR PÚBLICO

posted in: Novas Concello | 0

Atendendo á situación sanitaria actual, o Concello de Carral non organizará actividades presenciais para conmemorar o Día Internacional da Muller. Así o confirman desde o goberno local incidindo, iso si, en que levarán a cabo “propostas para seguir  promovendo a  igualdade entre homes e mulleres entre a cidadanía”. Así, o Concello acaba de poñer en marcha un proceso participativo para “levar a igualdade ás rúas”, explican desde o equipo de goberno. A través desta iniciativa, os veciños e veciñas poderán propoñer o nome dunha muller para bautizar un lugar público do municipio -unha rúa, praza, lugar ou ruta de Carral-.

O goberno percibiu que, actualmente, só hai unha rúa en Carral que leva un nome feminino -rúa Rosalía de Castro-. Ante isto, o equipo de goberno decidiu lanzar esta iniciativa, que xa está dispoñible no apartado de participación da aplicación móbil ‘Coida Carral’. Unha vez accedan á  app, os usuarios e usuarias poderán achegar unha proposta ou votar polas alternativas que formen parte xa da lista.

A cidadanía poderá propoñer o nome dunha muller ou de colectivos de mulleres destacables -tanto pola súa historia e traballo como polo seu papel na loita pola igualdade-. Este proceso participativo estará aberto ata finais de marzo.