CARRAL ACOLLERÁ A OBRA GAÑADORA DO PREMIO TEATRAL DA FUNDACIÓN MANUEL MARÍA

posted in: Novas Concello | 0

A Fundación Manuel María de Estudos Galegos fixo entrega do premio da primeira convocatoria do Certame Manuel María de Proxectos Teatrais á compañía Teatro da Ramboia, que presentou unha adaptación da obra Farsa de Bululú.

O Concello de Carral é un dos 23 que participan da iniciativa e que acollerá a obra teatral, que se estreará a finais do ano 2019.Presentación 1º premio Manuel María de proxectos teatrais - 2018 -2w

O Teatro Rosalía de Castro acolleu o acto de entrega do premio, que estivo presidido por Saleta Goi, presidenta da fundacíón convocante e víuva de Manuel María, e no que tamén estiveron representantes dalgúns concellos participantes e os membros do xurado. Por parte do Concello de Carral a representación no acto estivo a cargo do alcalde, José Luis Fernández Mouriño.

Para o Concello de Carral é importante apoiar este certame, xa que Manuel María mantivo unha especial relación coas xentes deste municipio grazas, precisamente, a unha das súas obras teatrais, Abril de lume e ferro, que trata sobre a Revolución de 1846 que rematou co fusilamento dos coñecidos como Mártires de Carral. Cando Manuel María foi homenaxeado co Día das Letras Galegas, a Concellería de Cultura quixo tamén sumarse á homenaxe incluíndo na súa programación teatral dúas obras do autor chairego. Co novo certame convocado pola fundación que honra a figura de Manuel María, Carral mantén o vencello con esta gran figura da literatura galega.