CARRAL ABRE O PRAZO PARA ANOTARSE NOS CURSOS DE NATACIÓN DO MES DE AGOSTO

posted in: Novas Concello | 0

Na edición de xullo son máis de 30 nenos e nenas os que participan nesta actividade.

O concello de Carral acaba de convocar os cursos de natación para o mes de agosto para nenos e nenas de entre 3 e 15 anos.  As datas previstas para estes cursos serán desde o 2 ao 31 de agosto.

Debido á situación sanitaria, as prazas ofertadas para esta actividade son de 30, divididos en dúas quendas de 15 alumnos/ as. Ao mesmo tempo en cada quenda estableceranse dous grupos burbulla, un de iniciación e outro de perfeccionamento, de forma que sexa posible o mantemento das distancias interpersoais de seguridade.  Todo iso baixo un estrito paraugas dun protocolo Covid-19, de acordo coa normativa sanitaria vixente. 

As clases terán lugar entre as 12.00 e as 14.00  h segundo os grupos, e serán impartidas por monitores especialistas, cunha duración de 45 minutos por sesión de luns a venres, sempre coa presenza dun socorrista. O prezo do curso completo será de 28 €/alumno.   

O prazo de inscrición prolongarase desde o 15 ata o 28 de xullo, e aqueles interesados poderán deberán acudir ao Centro Deportivo de Carral, (tlfo. 678 33 88 47), ou en complejo.deportivo@carral.es.