CARLOS LAMAS E SERGIO CAO PROCLÁMANSE CAMPIÓS DO V TORNEO DE PÁDEL DE CARRAL

posted in: Novas Concello | 0

O departamento de Deportes de Carral organizou esta competición deportiva, que vén desenvolvendo nas pistas municipais de pádel desde mediados de xullo, co obxectivo de fomentar a práctica deportiva e o lecer saudable entre a poboación carralesa.

Este torneo de carácter amigable reuniu a un total de 42 xogadores agrupados en 21 parellas, que se distribuíron en 4 grupos para a disputa dunha liguiña na que se enfrontaron todos contra todos. De cada grupo, clasificáronse os 4 mellores, conformando así as fases finais, que veñen disputando desde o luns 23 de agosto.

A final do torneo disputouse este mércores desde as 19.00 h, e confrontou á parella formada por Marcos Mosquera e Adrián Varela (parella revelación do torneo, que contaban todos os seus partidos por vitorias e 1 único set cedido ao longo deste torneo estival) contra a formada por Carlos Lamas e Sergio Cao (favoritos do torneo, gañando todos os seus encontros e sen ceder ningún set). Despois de case unha hora e media dun rifado encontro, o marcador decantouse finalmente ao lado de Carlos e Sergio cun resultado de 3/6, 6/1 e 3/6, converténdose así nos campións do torneo.

Ao terminar o encontro o alcalde, Javier Gestal, agradeceu a gran acollida e participación que tivo este torneo estival, e fixo entrega dos trofeos ás dúas parellas finalistas.

SONY DSC