AS EMPRESAS DE CARRAL SACAN O SEU LADO MÁIS SOLIDARIO DURANTE O CONFINAMENTO REALIZANDO NUMEROSAS DOAZÓNS AO CONCELLO

O confinamento está sacando o lado máis solidario dos veciños e veciñas e das empresas afincadas no municipio. Estes días, o Concello de Carral recibiu numerosas doazóns por parte das compañías carralesas e de particulares, que lles entregaron alimentos para a despensa municipal, produtos de limpeza e mesmo electrodomésticos. O goberno local agradécelle a todas as persoas “que estean doando produtos de forma desinteresada para axudar a quen o necesite durante o illamento”.

Ao longo das últimas semanas, o Concello recibiu as seguintes doazóns: do bar O’ Lareiras de Carral, que entregou alimentos para surtir a despensa municipal; do CEIP Vicente Otero Valcárcel, que lles entregou produtos de limpeza –guantes, lixivia e desinfectantes-; da empresa Bermúdez Solutions, que aportou fundas de asentos para garantir unha maior protección nos vehículos municipais; da Pizzería Centro de Tabeaio, que doou tamén alimentos e de Croquetas San Vicente, que mandou un surtido do seu produto estrela. A escola infantil A Galiña Azul, a Unión Deportiva Carral, a empresa Demaría Horeca e o Bar Betanceiro doaron tamén alimentos, mentres que Autoservicio Chas entregou ao Concello produtos de limpeza. Ademais, o Concello conseguiu unha neveira da man dun almacén de distribución do municipio, o que lle permitirá almacenar produtos que requiran frío. Así mesmo, unha cooperativa galega fixo entrega de pantallas de protección facial.

Á súa vez, algúns veciños e veciñas decidiron tamén pór o seu gran de area doando, fundamentalmente, produtos de alimentación que serviron para surtir a despensa municipal.

O equipo de goberno sinala que a “colaboración de todos é crucial para saír, canto antes desta situación”. Así mesmo, os concelleiros e concelleiras agradecen “a responsabilidade dos veciños e veciñas, que están a cumprir coas directrices dos organismos oficiais”. Por último, o goberno dálles as grazas aos traballadores e traballadoras “que aínda estando en estado de alarma, seguen traballando”.