ALUMNOS DO IES DE CARRAL RECIBEN PREMIOS POLOS SEUS CARTEIS DEDICADOS ÁS MULLERES DA HISTORIA

Alumnos do IES reciben premios polos seus carteis dedicados ás mulleres a historia

O Edificio Social Toñito Espiñeira acolleu a entrega de premios e diplomas do concurso de cartelería no que participou o alumnado do IES de Carral. Os e as participantes neste certame, organizado polo instituto coa colaboración do Concello de Carral, elaboraron carteis coas figuras femininas que consideraron máis importantes, non só ao longo da historia, senón tamén na actualidade. A creación das obras estivo enmarcada nun proxecto que pretendía poñer en relevo a ausencia das mulleres nos libros de texto nos institutos.

No concurso participaron os alumnos e alumnas de todos os cursos da ESO, que recibiron un diploma. A gañadora de 1º da ESO foi María Torreiro, co seu debuxo da artista Frida Kahlo. O premio en 2º curso levoullo Amase Fernández, coa imaxe de Hedy Lamarr, actriz e inventora austriaca. En 3º a gañadora foi Carolina Brea, que levou o galardón poñendo como protagonista a Valentina Tereshkova, astronauta e política rusa. Por último, o triunfo en 4º foi para Martina Torreiro e o seu cartel de Sojourner Truth, activista que loitou polos dereitos da muller.

“É un orgullo ter rapaces e rapazas con este tipo de iniciativas. Debemos seguir traballando para acadar unha igualdade real entre homes e mulleres”, declarou o alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño, presente no acto. Tamén acudiu ao evento a concelleira de Educación, Traballo e Benestar, Florinda Duarte, que explicou o difícil que foi para o xurado decidir quen eran os galardoados, “todos son realmente gañadores desde ou momento en que decidiron Concello de Carral facer este fermoso traballo”, expresou. Á entrega de premios asistiu tamén a directora do IES de Carral, Verónica Mosquera, xunto a algúns dos profesores do centro.