A OMIX PON DE NOVO EN MARCHA UN PROXECTO DE VOLUNTARIADO EUROPEO, «EVS CARRAL: ENJOY VOLUNTEERING!»

posted in: Novas Concello | 0

O proxecto «EVS Carral: Enjoy Volunteering!» acaba de ser aprobado pola Axencia Nacional Española do Programa Erasmus+: Xuventude en Acción (Instituto da Xuventude – Injuve), despois de que o Concello de Carral recibise o ano pasado a acreditación como organización de envío, acollida e coordinadora de proxectos para a xuventude dentro do Servizo de Voluntariado Europeo.

«EVS Carral: Enjoy Volunteering!» é un proxecto europeo cofinanciado polo programa ERASMUS+ 2014-2020, que ten como principal obxectivo ofrecer á xente nova de Carral e doutro país da Unión Europea, neste caso Italia, unha oportunidade de mobilidade que mellore as súas competencias pre-laborais – como iniciativa, creatividade, responsabilidade, traballo en equipo, comunicación ou competencias lingüísticas – a través da aprendizaxe non formal e informal, e que poña á vez en práctica determinados valores – como a solidariedade, a cooperación, a empatía ou a creación de redes— o coñecemento doutros ambientes de traballo e a adquisición de competencias técnicas. Trátase dunha experiencia de participación activa na vida das administracións e na vida destas comunidades locais de acollida, que se pretende que reverta positivamente nelas e fomente o voluntariado local e europeo.

Imaxe nova 1 páx web

O tempo de voluntariado do proxecto «EVS Carral: Enjoy Volunteering!», financiado totalmente polo programa ERASMUS+, ten unha duración de 6 meses. Está promovido polo Concello de Carral en colaboración con outro municipio europeo, o de Prato (Toscana, Italia). Así un mozo ou moza de Carral realizará o Servicio de Voluntariado Europeo nesta rexión italiana, entre abril e outubro, e dous mozos ou mozas italianos/as no noso concello entre marzo e agosto.

Se tes entre 18 e 30 anos, e estas interesado en realizar o Servizo de Voluntariado Europeo no país italiano infórmate na OMIX. No proceso de selección darase prioridade a aqueles mozos e mozas que formen parte de colectivos en risco de exclusión social, ou ben que estean en situación de inactividade e que posúan menos oportunidades para acceder á formación ou ao mundo laboral.

Se precisas máis información podes pasarte pola OMIX (1º andar da Casa da Cultura) ou chamar ó teléfono 981.672.580