A COMPAÑÍA DE TEATRO A PANADERÍA OFRECE EN TABEAIO A SÚA EXITOSA OBRA PAN! PAN!

Cartel Pan! Pan! carral.A Panadaría presenta no local Xente Nova de Tabeaio, a premiada obra teatral PAN!PAN!, unha comedia con sabor a western protagonizada por Noelia Castro, Areta Bolado e Ailén Keldenman.

A función terá lugar mañá sábado 11 de xuño, ás 21:00 h, con entrada de balde.

PAN!PAN! é unha parodia de xénero nun dobre sentido. O espectáculo, con música vocal en directo, caricaturiza os westerns americanos e cuestiona o binomio home-muller. Harry, un cowboy americano, viaxa no seu cabalo perseguindo a un indio salvaxe que roubou á súa muller. Unha peza fresca e desenfadada onde tres actrices constrúen toda a música, personaxes e espazos do espectáculo axudadas só por unha bandeira dos EEUU.

Considerada como a revelación do teatro galego no ano 2015, PAN!PAN! obtivo o Premio María Casares á Mellor Actriz Secundaria (Areta Bolado) e o Premio da Crítica Galicia 2015, ademais de recibir unha nominación á Mellor Música Orixinal. Anteriormente foi galardoada co 1º Premio Xuventude crea 2013.